Menu

Crítica de «A caixiña dos rancores» (4)

Recensión de X. M Eyré no blog Fervenzas Literarias (23-02-2017)

De entre todos o crimes hai algúns especialmente abominábeis, e entre eles atópase o roubo de bebés, de naipelos, por moito que, cinicamente se queixa xusticar en que así, cunha familia de posíbeis, terán unha mellor vida, unha vida máis acomodada, máis doada. Pois este é tema que nos propón Héctor Cajaraville en A caixiña dos rancores, Premio Raíña Lupa 2015. Un mozo, Estevo, atropela  co seu ciclomotor accidentalmente unha anciá, Chiruca, e a xuíza Felpeto condénao a visitala dúas tardes por semana durante o mes de xullo, para que así coñeza mellor a persoa que mandou ao hospital. O que se supoñía serían unhas tediosas horas aturando as historias daquela muller, vira absolutamente cando Estevo descobre un segredo na vida de Chiruca: sendo viúva recente dá a luz e dinlle que o seu neno naceu morto, nin sequera llo deixan ver, esta será unha traxedia que acompañará a Chiruca durante toda a súa vida. Sempre coa inestimábel colaboración da súa moza, Paula, Estevo irá desennobelando o misterio que a via lle pon diante. Hai que valorar aquí a predisposición de Estevo a non deixar as cousas como están, a querer esclarecer o misterio que a vida lle pon diante. Un misterio que consite nun crime abomínábel, absolutamente inhumano. As tardes que pasa con Chiruca irán dándolle claves que el despois investigará na compaña de Paula.

Cómpre salientar aquí a carencia de antagonistas, os mesmos que son culpábeis da desgraza de Chiruca arrepentiranse e convertiranse en coadxuvantes na investigación de Estevo e Paula. De tal xeito que esta transcorre coma nunha balsa de aceite, que vulgarmente si, só se trata de ir dando pasos cara adiante, cada nova descuberta irálles deixando un novo aliado, un novo colaborador no seu proceso indagtorio. Un proceso indagatorio para o cal se bota man de varias formas de comunicación, desde o diálogo, moi importante, até a conversa telefónica ou o whatsapp, de tal maneira que dota ao texto da actualidade que xa o mesmo tema ten, pois non deixa der un tema reiterado nos distintos noticiarios. E que salienta o humanismo dos protagonistas, dos protagonistas Estevo e Paula, mais tamén de Chiruca, que deixou pecha a caixa dos rancores, e inclusive dos que serían antagonistas, como a propia Carolina, a ideóloga de toda a trama criminal.

Debe avaliarse como positivo o feito de que dous mozos decidan enfrontarse a unha trama criminal, as súas arelas de que hai que loitar polo que é xusto. Porque o é, indiscutibelmente. Máxime cando nos queixamos de ter unha mocidade que pasa de todo, que non se interesa por nada do que acontece ao seu redor. Oxalá tiveramos moitos Estevos e moitas Paulas. E tamén oxalá todos os conflitos se resolveran de xeito tan natural, tan doado. Porén cómpre reflexionar un chisco e preguntarse como Estevo e Paula non se poñen en contacto con algunha das múltiples asociacións que loitan por esclarecer o tema dos bebés roubados, como sería o máis lóxico, na nosa opinión. Facendo que Estevo e Paula se enfronten ao problema eles dous sos estamos retratando esa mocidade isolacionista, desinteresada da sociedade que os rodea. E non lle suxerimos ao lector a necesidade de colaborar con esas asociacións que levan adiante un labor xordo, xusto e tan necesario.

Así as cousas, o principal valor que lle achamos  a esta novela é o da comunicación interxeracional. A condena da xuíza Felpeto obriga a que interactúen dúas xeracións que doutra maneira andarían pola rúa cada unha polo seu lado. O cal deriva nun enriquecemento mútuo que muda a vida dos participantes, facéndoa máis tolerante e sabia. Nin Estevo e Paula nin Chiruca ou Carolina volverán ser os mesmos unha vez que se poñen en contacto as diferentes xeracións, e tampouco ningún deles gustaría de que todo volvese a ser como era antes de se coñeceren. Iso e o feito de que a vida é moito máis sinxela coa caixa dos rancores pecha, pero ollo, que tamén hai rancores xustos.