Menu

Crítica de «De remate» (10)

Xosé M. Eyré (Ferradura en tránsito) - 23/12/2015

Fiestras e unha única paisaxe

As fiestras son eses ocos na parede que permiten a entrada de luz e nos asoman ao mundo exterior. Tal como esta novela de Héctor Cajaraville, vencedor ano último Premio Xerais. En De remate ( construída a base de colaboracións xornalísticas de variada índole, correos electrónicos, anotacións nun diario persoal, documentos de texto, entrevistas, poesía e crítica) tamén permite o achegamento de luz sobre diversas cuestións ( carreto de votos, identidade galega, mascotas de eventos, a moda de correr, a Galiza real e a imaxinada, os pros e os contras da mocidade, a illa de San Simón, os antroidos galegos -particularmente o Oso de Salcedo-, o Xardín do Pasatempo… Ás veces con ironía, fina ironía e humor. E tamén aos pormenores dunha vida con data de caducidade. Do cosido de toda estas fiestras resulta a novela que é unha parte da vida do autor implícito: Bieito Sanmarful.     

Sendo o contido das colaboracións xornalísticas tan diverso e non se podendo establecer continuidade temática entre eles, as costuras para que a novela teña un contido identificábel son cousa dos outros textos, que sitúan as colaboracións xornalísticas na vida do autor e nos dan conta do seu acontecer vital, non importando nada a variedade textual que ofrecen. Esa é precisamente unha das virtudes da novela, partir dunha variedade textual ampla para ofrecer o acontecer vital do protagonista central á vez que se atenden múltiples temas que van xurdindo tanto no día a día de Bieito Sanmarful como no do lector.

Ás veces establécese certa recorrencia entre as colaboracións xornalísticas e os outros textos, pois estes tenden a facer referencia os artigos a partir das reaccións que provocan nos lectores; mais non sempre, outras veces trátase da reacción do propio autor unha vez publicados os artigos. “Da columna de opinión á reportaxe, da crónica ó relato, pasando pola noticia convencional ou a entrevista, as colaboracións son inclasificábeis segundo a categorización convencional”(12) velaquí un fragmento do prólogo que Pablo Cardeiro, editor de Bieito Sanmarful, nos ofrece da novela que constitúe o conxunto das 22 colaboracións xornalísticas mais o resto de textos. “Nunha amálgama de estilos, nun xogo literario ( ás veces metaliterario) no que os protagonistas son o propio autor e as súas teimas, zunas e obsesións. Mais acaso non é sempre así?” (13). “Aínda diriamos máis: algunhas das cousas que Sanmarful conta nos seus artigos só son verdade polo feito de el as escreber” (13) .

Evidentemente, despois do dito, trátase dunha novela de xornalista, unha novela que incide na presenza de tantos autores da literatura galega que tamén son xornalistas,e os homenaxea con frescura e decisión. Con frescura porque é ese é un dos denominadores da novela, a frescura e desdramatización dos artigos, que sempre son convite para a reflexión e para tal convite non é precisa a dramatización senón que resulta inmellorábel, tantas veces, unha presentación áxil, desinhibida mais sen tocar un dramatismo que xa nos é abondo o que vivimos no día a día ás nosas costas. Esta desdramatización é , ao noso ver, un acerto básico do autor, Héctor Cajaraville, aclarámolo para que non se confunda co outro autor, o implícito, un Bieito Sanmarful de orientación sexual pouco definida e doente dunha enfermidade que lle ten os días contados. Aí si hai dramatismo, mais non importa tanto, sabemos que a novela ten que rematar algunha vez e unha das posibilidades é que isto aconteza porque o autor implícito, e protagonista central, desaparece. Eis unha novela que se reinventa con cada novo capítulo, mais aínda así e a pesar da súa heteroxeneidade logra un texto ben cosido e de historia central única. A paisaxe única que se constrúe asomándonos a todas as fiestras.      

De entre toda a hibridez xenérica que caracteriza o texto, o lector irá tirando cales artigos se acomodan máis aos seus gustos. Imposíbel non facelo. No noso caso son aqueles que teñen que ver coa lingua e mais a retranca marabillosa de “Un café, un voto”, digno de figurar en calquera antoloxía que se prece. Que non é pouco dicir para un autor que se presenta, avalado polo Premio Xerais, con este texto. Sempre é unha marabilla comprobar como a canteira de novos autores non se esgota e saen novos nomes que teñen moito que dicir, no presente e mais no futuro.