Menu

Crítica de «De remate» (2)

Marta Veiga (El Progreso) - 22/11/2015

Con ‘De remate’, a novela de debut de Héctor Cajaraville, coñecemos desde o inicio que o seu protagonista, o xornalista Bieito Sanmarful, enferma de cancro e morre. A tensión narrativa non está en enxergar un desenlace, senón nun percorrido contado con moita solvencia no que Sanmarful e outros convidados compoñen un bosquexo que se asemella bastante á Galicia contemporánea e mesmo aos seus medios. O mérito de Cajaraville está no artellado dunha novela a partir de artigos de opinión de prensa diaria, correos electrónicos de ida e volta, unha sorte de diario persoal e mesmo de mensaxes de Twitter. O quebracabezas vai tomando sentido e deixa observar un selfie de segredos familiares agochados, relacións persoais que aínda zumegan dor e alianzas de vello que permanecen contra os elementos. Na paisaxe de fondo, un precariado de mozos adultos que volve á casa materna malia seren os primeiros da súa caste en chegar á universidade e un país que maltrata o seu territorio, a súa lingua e a súa identidade. O 2015 que ficciona Cajaraville a partir das palabras de Sanmarful achega pasaxes de fina ironía, cargas de profundidade contra unha pretendida intelectualidade autóctona e, sobre todo, mestría ao recrear rexistros e variedades lingüísticas e unha ollada honesta e na que recoñecerse.