Menu

Crítica de «De remate» (5)

Xosé Carlos Caneiro (La Voz de Galicia) - 4/12/2015

Distinción

Dicía Groucho Marx: «Estiven tan ocupado escribindo a crítica que nunca puiden sentar Para ler o libro». Sucede a miúdo, desafortunadamente. Os que escribimos sobre libros imos perdendo o pracer da propia lectura pensando no significado da mesma. No seu simbolismo, interpretacións ou hermenéuticas capitulares. Non somos quen de converternos en fonemas que naveguen perdidos no océano de cada novela, deixándonos ir nas ondas, permitindo que os dedos das palabras nos acariñen. É unha grave deformación. Por tal motivo esta quincena propoño libros que só procuran gozo

lector sen pararme noutras esexeses máis propias dun exercicio crítico pausado que das breves recensións que aquí, durante lustros, imos coleccionando.

O primeiro libro fai honor ao premio que mereceu este mesmo ano o Xerais de Novela. Titúlase De remate. Autor, Héctor Cajaraville. Paréceme un Xerais Sobresaliente. Principalmente porque abonda na idea primixenia deste premio: descubrir textos óptimos e intrépidos. Tamén novas voces na narrativa de Nós. Héctor Cajaraville entra pola porta grande da historia novelística galega. Estamos diante dunha das novelas, pola súa estrutura, máis anovadora dos últimos anos. O personaxe central é un periodista, Bieito Sanmarful. Ao seu redor artéllase o xético constituído por artigos, un diario, correos electrónicos, poemas (que o autor agradece na dedicatoria do libro ao seu irmán Julio), etcétera. Unha novela de prosa vivaz que en ningún momento baixa a garda do idioma, utilizado aquí de modo exacto facendo eco ao ideario de Flaubert resumido na sentenza «le mot juste». Agrada ler novelas como esta nun tempo en que os autores parecen estar resignados á preceptiva decimonónica da triloxía introdución-nó-desenlace. Agrada ler textos que outorgan ao lector un papel preponderante na transformación da historia relatada, un papel activo, intelixente, recreador.