Menu

Crítica de «Quen dá a quenda?» (8)

Crítica de Alba Piñeiro na sección «Remuíño de libros» da web Versos e Aloumiños (24-01-2017)

O autor Héctor Cajaraville, escritor e xornalista, ademais de corrector, dáse a coñecer no mundo da Literatura Infantil con Quen dá a quenda? libro que vén avalado por ser finalista no Premio Merlín de Literatura Infantil, 2015.

Quen dá a quenda? é unha novela engaiolante dende o principio ata o final que capta a atención do lector, non só infantil senón tamén adulto. Estruturada en 21 capítulos de curta extensión e baseada no uso coidado da palabra adubada con humor intelixente, o autor é capaz de rachar con estereotipos e escuros prexuízos. Divina Sandamil Penas é o nome da protagonista, que é unha meiga boa, xa que logo, só sabe facer o ben a todo aquel que se achegue ao seu consultorio agochado nunha  mesta fraga.

Ao longo dos capítulos van desfilar unha serie de personaxes do máis variado en busca do remedio axeitado ao seu mal. O curioso deste grupo é que está formado por persoas, animais, obxectos e mesmo fenómenos naturais coa facultade de poder falar e comunicarse. Divina coa colaboración dun moucho sabio e dunha cortina lingoreteira, e a través dos seus conxuros e apócemas, logrará solventar os problemas dos seus diferentes pacientes (un barco que se marea, un ordenador desordenado, un porco, un tanto sibarita, un cero que non se conforma, un neno que soñaba que soñaba etc.) aos que en pago só lles pide que fagan o ben para a comunidade da que forman parte.

O humor está presente en todo o libro, dende os nomes ata certas situacións surrealistas, pero é un humor intelixente que busca a reflexión do acabado de ler e a comprensión de  determinados comportamentos moitas veces exentos de sentido común.

Por medio dunha prosa fluída, ben construída e sustentada en diálogos cheos de riqueza  léxica, o autor amósanos a importancia do traballo en común e do esforzo individual para crear unha mellor convivencia humana e natural.

As coloridas e vivas ilustracións de Ignacio Hernández dotan de vida a todos estes personaxes humanizados e están en coherencia co ton textual.