Menu

Crítica de «De remate» (7)

José Antonio Pinto Antón (El Progreso) - 10/12/2015

E de súpeto, un tal Héctor Cajaraville

A biblioteca pública de Lugo ten uns oitenta mil libros. Non son poucos. Son poucos comparados cos de Heidelberg, cidade universitaria alemá de estatura similar á nosa. 3,2 millóns de libros. Esbardallas con contas irreais. Un libro semanal, cincuenta e dous cada ano. En cen anos de vida terías lido uns cinco mil douscentos. Moitos en cen anos de soidade. E seguen a ser poucos. Daquela, hai que escoller. E fas caso dos que teñen mellores hábitos lectores, dos que afinan máis. E non vai mal. 

Así descubriches cousas ben interesantes de Yasmina Khadra, de Xabier Quiroga, de Atxaga, de Zygmunt Bauman, de Selva Almada, Patrick Deville, Riveiro Coello, de E. Lledó, de Fernando Vallejo. As últimas recomendacións poñen nas mans El hambre, de Martín Caparrós. Máis que un libro trátase dunha enciclopedia sobre a fame. Lese como unha novela pero cada folla morde por dentro. Tes que ler, din, La gran brecha de J. Stiglitz, economista de rostro humano. E les esa recompilación de artigos do Nobel. Daquela maneira, porque non es experto na materia. Algo quedará. A fin de contas, se a economía non axuda ás persoas, para que serve? 

Libros e máis libros. Exercendo sempre os imprescritibles dereitos do lector de Daniel Pennac. Ler ou non ler. O que queiras e cando apeteza. Saltar follas, peteirar nelas, volver atrás. Reler. Ou deixar de ler, que non todo paga a pena.

O tempo bole costa abaixo e hai que ir polos vieiros dos que leron antes. Dos que saben máis. E de cando en vez, escoller libros ó chou. Unha ollada rápida na biblioteca, oles a tinta recente e marchas co libro cara a casa. 

Ás veces descobres tesouriños escondidos, xoias que non están baixo os focos do márketing. Como este libro de Héctor Cajaraville, De remate, unha novela así de singular, así de boa. Mestura de artigos de opinión, e-mails cruzados, anotacións no diario. E tanta vida, tinguida de humor e drama, detrás do protagonista. Pero quen é este Cajaraville? Xornalista, corrector de textos, autor dun dicionario. E dunha novela, esta, a primeira. A primeira? Manda truco! Así de interesante, tan ben escrita, cunha arquitectura tan intelixente. 

Artigo a artigo, texto a texto vai, vas tecendo a trama con fíos de retranca, de sorrisos. Un fino labor de taracea cheo de frescura. Cando chegas ao final descobres como no espello esta Galicia que nos habita: ese modo de vivir, esa maneira de falar, ese xeito de ocupar o territorio agora desvertebrado, desocupado de xente. 

E como nos puzles, négaste a colocar a última peza porque non queres rematalo, porque queres rematalo, porque este libro é así de divertido, retranqueiro, cunha linguaxe tan fermosa. E hai que bebelo a groliños. Ata rematar De remate. Dun tal Héctor Cajaraville.