Menu

«Conversa no Panteón»

Relato en formato de obra teatral breve.

PERSONAXES

Rosalía

Castelao

Brañas

Cabanillas

Fontán

Asorey

ESCENARIO

É noite fóra do convento de San Domingos de Bonaval, en Santiago de Compostela. Óese a chuvia bater insistente contra a cuberta do edificio e o vento zoa con forza por entre as regañas das vidreiras. Nunha das súas capelas laterais, a que alberga o Panteón de Galegos Ilustres, comeza como cada noite o diálogo entre os seus seis moradores.

Rosalía: Vaia noite de cans que temos hoxe tamén!

Castelao: Pois aínda non chegou o inverno de verdade, ídevos preparando...

Brañas: E a nós que nos importará? En que nos afecta que chova ou deixe de chover?

Castelao: Ala, xa está o Brañas criticando que se fale de cousas intranscendentes. Todo o que non sexa política...

Brañas: Home, xa me diredes a min se é normal que a xente máis ilustre da historia deste país bote a noite toda falando do tempo...

Cabanillas: Algo de razón ten Brañas, mira que non haberá cousas con substancia das que falar...

Castelao: Carallo, xa tardaba o de Cambados en saír a defender o seu veciño!

Brañas: Ei, que eu non son de Cambados, só traballei alí unha temporada... Ser son de Carballo!

Asorey: De Cambados son eu, e aínda non dixen nada.

Castelao: É verdade, moito arousán temos por aquí; incluído eu mesmo, claro está. Porque ti de onde eras, Fontán?

Fontán: De Portas... Se xa volo teño contado unha chea de veces!

Castelao: Nunca reparara nisto! Sendo eu de Rianxo, e aquí, a señora, de Padrón...

Rosalía: Ben sabes que nacín en Santiago, Dani. E logo aínda vivín nun bo feixe de lugares... En Padrón máis ben morrín! E ben nova, por certo...

Brañas: Aínda máis novo morrín eu, e non me ando laiando a cada dúas por tres!

Castelao: Morra o conto, que para o caso tanto ten... Estaba eu cavilando que dos seis que estamos aquí, todos somos máis ben da costa. Non sei o que pensarán os de Lugo e Ourense, ou os do Deza, ou os da zona de Vigo, ou os da Coruña para arriba... de que non haxa ningún ilustre da súa zona aquí enterrado. Porque de Cambados, que tampouco é que sexa o epicentro da nosa vida cultural, temos dous... ou case tres!

Cabanillas: Si, ho! Somos todos nados nesta beira da AP-9! Será que o vento mareiro introduce nos caletres algunha sorte de talento...

Brañas: Pero de verdade credes que nós os seis somos os máis ilustres de toda canta xente viviu en Galicia nestes últimos dous séculos? E xa non me vou máis atrás no tempo, porque se non...

Fontán: Se non que? Acaso algún de vós pediu que o enterrasen aquí? Algo teremos a media ducia que estamos soterrados neste panteón para que nos trouxesen...

Brañas: Vaia, vaia... Falou o Fontán! Pero se ninguén sabe quen es, que cando veñen as excursións dos rapaces fan fotos diante das tumbas todas, e á túa nin caso lle fan...

Fontán: Si, home, si, como veñen tantas excursións... Pois grazas a min os galegos saben a forma que ten a terra na que viven, paréceche pouco? E mesmo acaban de sacar unha novela sobre min que seica arrasa, ou non escoitades o que fala a xente que vén de visita? Que dirás ti, Brañas, se todo o mundo queda abraiado ao saber que hai aquí enterrado un home que se chama igual que unha rúa da súa vila.

Cabanillas: Algún día tiña que saír o tema...

Fontán: Que tema? O das rúas que ten Alfredo Brañas?

Cabanillas: Non, home, non, o de que aquí hai mortos de primeira e de segunda, e aínda me atrevería a dicir que de terceira...

Castelao: A ver, a ver, aclara iso, que eu estoume dando por aludido...

Cabanillas: Pois fas ben darte por aludido, porque un dos mortos de primeira es ti. Todo o cristo que se montou para te traeren aquí desde a outra beira do océano, se ata houbo hostias e todo... E vaia sepulcro que che puxeron! En cambio, a min colléronme un día no cemiterio de Cambados, chantáronme aquí e non se volveu falar do asunto.

Asorey: Iso por non falar dos que tedes sepulturas e os que non as temos. Aquí hai tres privilexiados con cadanseu sepulcro, mentres o resto estamos no chan. Coas marabillas que lles preparei eu a outros para o seu descanso eterno, e verme aquí baixo unha laxa calquera...

Fontán: Si, si, e á señora ben que lle traen flores o 17 de maio; e a Daniel, en xaneiro. O resto só valemos para que tripen por riba de nós os poucos que pasan por aquí.

Rosalía: Haxa paz, señores... O problema non somos os que estamos, senón os que faltan. Máis mulleres, sen ir máis lonxe. Non sabedes o que supón para unha muller coma min estar soa entre tanto home, sen ter unha compañeira coa que falar das nosas cousas... Unha María Balteira, unha María Pita. Ai... E non só mulleres, por suposto: se trasladasen a este recinto os restos de todos os galegos que merecen o tratamento de ilustres, isto sería outra cousa ben distinta: máis representativa, máis democrática, máis festiva... Cun algo máis de vida, se se me desculpa a expresión.

Castelao: Ben dito, Ro! Non é posible falar dun verdadeiro Panteón de Galegos Ilustres sen as figuras senlleiras de Curros e Pondal aquí soterradas, por exemplo. E don Ramón, outro arousán...

Cabanillas: (Interrómpeo, indignado). Don Ramón... Pero ti toleaches, Daniel! Se ben el para aquí, eu marcho de volta para Cambados. Aínda algún de vós vai acabar pedindo que enterren aquí tamén a Camilo José Cela. Isto é como o da muller do césar: para merecer o nome de galego ilustre, ademais de selo hai que parecelo...

Brañas: E dos que están aínda vivos, quen vos gustaría que trouxesen para aquí?

Rosalía: (Con voz de éxtase). Ai, a min Manuel Rivas... É tan guapo, e ten esa voz tan doce... Ademais do ben que escribe, claro! Oxalá tarde moito en estar en condicións de vir para aquí, pero a ese facíalle eu sitio aquí no meu sepulcro, de ser preciso.

Asorey: Si, si, os que escribides ben que vos defendedes entre vós. Pero que non haxa aquí un pintor, un músico, un arquitecto... Iso si que clama ao ceo!

Brañas: Pero se xa temos un que debuxaba mapas, que máis artistas queremos?

Fontán: Déixate de retrancas, que é verdade que aquí falta moita xente que tería que estar, pero iso non quere dicir que sobre ningún dos que estamos aquí...

Brañas: Pois o primeiro que tiña que vir entón é Murguía. Mira que eu tiven desavinzas con el, pero foi quen ideou este panteón, e posúe méritos de sobra para formar parte del.

Rosalía: Ben pensado, igual estamos ben como estamos, que aquí tampouco é que sobre o sitio. (Pausa). E non para! Cada vez parece que aínda chove máis.

Castelao: Chove, ho...