Menu

«Letras Galegas, si ou non?»

Texto elaborado para o portal de Meridiana Content con motivo da celebración do Día das Letras Galegas

O Día das Letras Galegas é un magnífico invento, pese a quen pese (nos últimos tempos vou descubrindo que ten unha morea de detractores, sobre todo dentro do propio ámbito literario, curiosamente). Boa proba da súa boa saúde é que supera xa o medio século de vida e case desde os seus comezos se converteu nunha celebración fondamente consolidada, ata o punto de que a cultura galega actual non se podería entender sen esta festa de exaltación da nosa literatura, que é o que vén sendo. E iso que non faltan os que o critican por un ou outro motivo, como diciamos. Imos falar dalgúns deles (dos motivos, non dos críticos).

O Día das Letras Galegas é a reivindicación da figura literaria dunha persoa falecida. Isto xa bota para atrás, porque a cousa cheira un chisco a podre: coller alguén que leva morto dez anos ou máis e sacalo a pasear durante doce meses (cómpre lembrar que a persoa á que se lle dedica esta xornada é obxecto de atención durante todo o ano, non só o 17 de maio). E logo non haberá autores e autoras aínda vivos aos que homenaxear?, preguntan os disidentes desta data. E así, ademais, poderían desfrutar da xornada, participar nos actos que se organicen, dar a súa opinión, mesmo negarse por razóns éticas e rexeitar o nomeamento nas súas redes sociais…

Por veces as ou os elixidos non son do gusto do público, ou polo menos dunha parte. Que se ao tipo ou tipa non o coñecía ninguén, que se era un facha de coidado, que se lle gustaba máis o nh que o ñ, que se tiña unha mala hostia que non había quen a aturase… A escolla da RAG (esta é outra das críticas que se lle apoñen ao asunto: por que a decisión depende só dos vinte e tantos membros desta institución?) non sempre satisfai a todos e todas, xa sexa por acción (a persoa seleccionada) ou por omisión (outros candidatos ou candidatas que terán que seguir agardando a súa quenda na fría escuridade do cadaleito).

En ocasións o proveito que se lle tira á persoa protagonista desta data semella un tanto esaxerado. Fálase da súa obra, pero tamén da súa vida, ás veces tanto desta coma daqueloutra, máis na liña da prensa rosa que do puramente literario. Dun dos homenaxeados oín rexoubar algo así como “se cepillaba todo lo que se movía”. Quen mo dixo, ademais de coñecelo en vida, é un dos potenciais candidatos a ser homenaxeado algún día nesta data. E doutro dos escritores conmemorados escoitei que tiña o vezo de roubar chilindradas nos supermercados, unha desviación moi contemporánea.

É un día festivo. Tamén isto se critica, porque ao final a xente o que fai é marchar para a praia (se o sol xa quenta nesta altura de maio) ou meterse no centro comercial máis próximo, pero non todos se acordan de comprar un libro a véspera para agasallar, que ao final é o que interesa. Compárase co Sant Jordi, que é un día laborable coma outro calquera, e que disque funciona mellor a nivel comercial. Igual iso ten que ver cos niveis de lectura dos cataláns, máis que co feito de ser ou non festivo o día, pero tampouco teño datos.

E malia todos estes elementos en contra, velaí segue, a data, tan vizosa coma sempre, talvez máis, porque polo xeral só se critica o que ten éxito ou, cando menos, visibilidade: nunca oín ninguén queixarse da celebración do Día de Internet, do Día contra a Homofobia e a Transfobia, do Día da Reciclaxe, do Día das Telecomunicacións ou do Día da Hipertensión Arterial, que por certo se celebran todos eles tamén o 17 de maio.

María Victoria Moreno

Aí segue, dicía, e sen cambios na súa esencia: como o propio libro, co que nada consegue acabar (nin sequera a súa propia versión electrónica), o Día das Letras Galegas mantense incólume, non murcha, mesmo reverdece cada ano. E de algo serve: sen ir máis lonxe, grazas á elección deste ano eu mesmo volvín ler Anagnórise, descubrín Leonardo e os fontaneiros e vin que se publicaban textos inéditos de María Victoria Moreno que doutro xeito quedarían esquecidos para sempre. Tamén serviu para que todos saibamos que a autora se quitaba dous anos, que tiña un marido cego, que gustaba moito dos animais e que fumaba un mundo. Pero vai todo no mesmo paquete, supoño.

Así que por min, por riba das críticas (con algunhas das cales estou de acordo, xaora), malia ese aquel por veces kitsch e pese a andaren mortos polo medio, longa vida! Quen me dera a min. Como me dixo un rapaz nunha escola: non che gustaría que che dedicasen o Día das Letras Galegas? Pois claro! Pero non en 2028, a poder ser…