Menu

«LIX»

Relato en formato de obra teatral breve.

PERSONAXES

Crítico 1

Crítico 2

Presentadora da gala

ESCENARIO

Unha entrega conxunta de varios premios literarios, nun amplo salón ateigado de persoeiros da cultura. No atril, de pé fronte ao micrófono, a presentadora da gala, que vai dando a coñecer cada un dos galardóns que se fan públicos neste encontro. Entrementres, dous críticos, sentados un ao lado do outro nunha das filas posteriores, rexouban sobre todo o que acontece ao seu redor sen prestar moita atención ao desenvolvemento do acto.

Presentadora: E agora procedemos á entrega do premio correspondente á edición número corenta e nove do certame de literatura infantil e xuvenil Luís Insua Xermade, o célebre autor ourensán máis coñecido polas siglas, «LIX», coas que asinaba as súas obras. (Saca un sobre do peto da chaqueta). E o gañador –ou gañadora– da LIX edición dos premios «LIX» de LIX é...

Crítico 1: Tanto dicir que este acto ía ser o acontecemento cultural do ano, e ao final nada de nada...

Crítico 2: Outro bluff... Home, aproveitar o poder de convocatoria do evento para facer a presentación dunha obra que se titula Historia da literatura galega: do Padre Feijoo a Pedro Feijoo, e que non veña ningún dos dous... O do Padre Feijoo aínda ten un pase, porque leva morto un cuarto de milenio, pero Pedro Feijoo... Mira que ir xusto hoxe gravar unha entrevista a «Cuarto Milenio»...

Crítico 1: (Escandalizado). A «Cuarto Milenio»?!

Crítico 2: O que oes... O programa ese dos fenómenos paranormais, non sabes? Seica vai falar da maldición que lles caeu aos veciños de Redondela logo do suicidio do construtor dun dos viadutos que atravesan a vila cando lle dixeron que o seu proxecto non estaba á altura –é un dicir– do agardado.

Crítico 1: E que fai Pedro Feijoo falando diso?

Crítico 2: Disque coñece ben o asunto porque ten un relato baseado nesta historia que hai anos foi finalista do certame «Os Viadutos», ese de relatos que convoca o Concello de Redondela…   

Presentadora: (Sacando de novo un sobre do peto). E o gañador –ou gañadora– do Premio «Emmanuelle» de Narrativa Erótica, PENE, outorgado pola Asociación Galega de Clubs de Alterne, AGACA, é...

Crítico 1: (Novamente escandalizado). Pero ti sabías que había un premio literario patrocinado polos puticlubs?!

Crítico 2: (Levando o dedo índice da man dereita aos labios). Shhh, non berres tanto, home, que aínda nos van chamar a atención... Algo oíra. Seica o que pon os cartos é Pepe, o dono do De catro a catro...

Crítico 1: Ben se nota que aínda que se dedique ao que se dedica, o paisano ten sensibilidade. Púxolle ese nome polo poemario de Manuel Antonio?

Crítico 2: Non, creo que De catro a catro é o horario do local.

Presentadora: (Sacando un terceiro sobre do interior da chaqueta). E o gañador –ou gañadora– do premio de contos «Ambía unha vez», subvencionado polo concello de Xunqueira de...

Crítico 1: Oes, o que si veu é Abel Airas, non é aquel da primeira fila?

Crítico 2: O mesmo! Como acabaría este home metido a crítico literario? Vale que lle fose mal na política, pero reconverterse a experto en literatura infantil... Se non sabe distinguir entre Neira Cruz e Neira Vilas! Ti les algo do que escribe nese blog que ten, o do bloqueiro blogueiro?

Crítico 1: Pouca cousa, as contadas veces que entrei non entendía nada do que poñía, ben se nota antes que foi político. Ademais, xa bastante teño con escribir o meu como para andar mirando o que din os demais... O que si consulto ás veces é o Criticalia ese, o de Armando Requeixo Cuba, velaí o tes na primeira fila. O seu nome sempre me trae ao recordo a illa caribeña, que por certo ti e mais eu tivemos ocasión de coñecer naquela viaxe que organizara a Consellería... que digo Consellería? Consellaría...! de Cultura do bipartito. A dos mojitos, lembras?

Crítico 2: Como non vou lembrar? Que tempos aqueles... Entón si que se valoraba a cultura como é debido, e se dedicaba á súa promoción canto carto fixese falta. E agora, mira ti... Pasamos de botar seis días trasegando ron na Habana a pelexarnos por un viño ao final dos actos. Iso cando o poñen, que a maior parte das veces, nin auga…

Crítico 1: Trasegando ron seis…?

Crítico 2: Shhhhh!

Presentadora: (Extrae un cuarto sobre do peto da americana do seu traxe de dúas pezas). E o gañador –ou gañadora– do concurso poético «Adiós ríos, adiós fontes», organizado pola Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia, é...

Crítico 1: Mira un momentiño, aquela que está ao lado do Requeixo na primeira fila non é...? Ai, que non me vén á cabeza o nome: algo relacionado con Cuba tamén... A ver, home, seguro que ti te acordas...

Crítico 2: Mercedes Queixas Zas.

Crítico 1: Iso! Menos mal que tes ben mellor memoria que a miña.

Crítico 2: E que terá que ver Mercedes Queixas Zas con Cuba, xa me dirás...

Crítico 1: Xa sabes, home: en Cuba, se te queixas... zas!

Crítico 2: Ah, agora si... Requeixo e mais ela han de estar xuntos porque son membros do xurado.

Crítico 1: De cal?

Crítico 2: De todos.

Presentadora: Para o certame de novela histórica «Xaquín Lorenzo, Xocas», cuxo xurado estivo composto polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, o crítico César Lorenzo e os escritores Manuel Lourenzo Lourenzo, Manuel Lourenzo González e Manuel Lorenzo Baleirón, temos nesta edición tres finalistas, todas elas mulleres: Mar Guerra...

Crítico 1: Cando escoito o seu nome irremediablemente penso nunha batalla naval.

Presentadora: ... María Solar...

Crítico 2: Todos botamos de menos a súa irmá Luz nestas noites de invernía.

Crítico 1: Si, anda por aí Luz Pozo, pero no fondo non é o mesmo...

Presentadora: ... e An Alfaya.

Crítico 2: Ou Anal Fire, como a chaman agora que traduciron as súas obras ao inglés...

Presentadora: Pero antes de coñecerse o ditame do xurado, terán lugar as actuacións de Xabier Xil Xardón, Daniel Landesa e Gonzalo Hermo cos seus espectáculos poéticos «Triple X», «Oh, Landesa» e «Do Hermo»; a da actriz e escritora Paula Carballeira, con «Ei, Carballeira»; e a do dúo de Román e Paz Raña Lama, quen presentan en primicia o seu éxito musical «Raña-Lama Din-Don»!

Crítico 2: Mira, e ese non é Ignacio Vidal Portabales?

Crítico 1: Non sei, non o coñezo... Ah, o do traxe! Si, home, o que pasa é que eu sempre lle chamei Nacho Vidal...

Crítico 2: Tamén é membro do xurado.

Crítico 1: E vaia membro…

Presentadora: E ata aquí este encontro literario, que agardamos que fose do seu agrado. Na sala contigua a organización ofrece un petisco para os asistentes. Moitas grazas pola súa presenza e ata a próxima edición de...

Crítico 2: Oes, ti estiveches atendendo a quen eran os gañadores dos premios?

Crítico 1: Que ía atender, se estiven falando contigo todo o tempo? Pero iso pódelo mirar dentro dun pouco en calquera blog dalgún dos compañeiros. Mesmamente no do Bloqueiro blogueiro, que sempre é o primeiro en poñelo todo. Vamos, corre para a sala dos pinchos, que aínda imos quedar sen nada por estarmos aquí de parola...