Menu

«O milagre»

(Texto gañador do segundo premio do certame de microrrelatos organizado pola Real Academia Galega e a asociación PuntoGal)

Quedoulle chantada no medio e medio da fronte. Condenadas bombas, repetía a nai na sala de espera, para que as seguirán botando? Xusto foi mirar o neno cara a arriba e unha daquelas canas caeu coma un lóstrego para atravesarlle os osiños a se formar. Levalo ao hospital, imposible: calquera desprazamento pode resultar mortal. Urxe facer algo. No centro de saúde da vila apenas hai medios nin materiais, pero contra os prognósticos máis agoireiros o médico de garda extrae a cana sen causar dano ningún. Cando veñen co meniño de volta, malia a vendaxe aparatosa a familia respira aliviada. O sorriso franco do celador. O doutor Estevo Fontán, que é un artista. O noso anxo de garda. Nin marca lle vai quedar, xa verá. Xusto entre os dous lóbulos, un caso nun millón. A nai quere entrar para bicar as mans do salvador. Ao chegar á porta fica inmóbil. Desde o instituto non o viu máis, pero non ten dúbida: Estevo bóla de sebo. Fontán cu de marrán. Oink, oink, oink. A vergoña pódelle máis que o desexo de agradecer o milagre. Morde os beizos con rabia, aperta o fillo no colo, dá volta e regresa onda o resto da familia.