Menu

Por que cajaraville.eu?

Esta páxina chámase cajaraville.eu. Egocentrismo? Non: economía.

Porque resulta que os dominios .eu e son dos máis baratos do mercado, polo menos moito máis ca outros como o inasequible .gal, que me parecía o xeográfica e lingüisticamente acaído, pero que viña custando como cinco veces máis ca este .eu, que se pensou para as webs da Unión Europea (European Union) pero que aos galegos nos vén de marabilla para as páxinas persoais. Así que nada, oportunismo e aforro únense para que a decisión final sexa cajaraville.eu.

Aínda haberá quen diga: e por que Cajaraville e non Caxaraville, como correspondería a un individuo sensibilizado coa normalización da lingua e co emprego das formas propiamente galegas de nomes propios, apelidos, topónimos ou o que sexa? Pois porque, polas circunstancias que todos coñecemos, o apelido que a min me chegou foi este frankenstein deturpado ao que, que lle imos facer, lle collín o cariño que se lles colle aos tolleitos e eivados.

Ademais, cal sería a forma correcta? Estou seguro de que Caxaraville non. É verdade que, na forma que sexa, é un apelido claramente detoponímico: no concello de Vedra (nas beiras do Ulla) hai un lugar chamado Caxaraville (parroquia de San Miguel de Sarandón), ao que parece procedente do latín casar + abilii, é dicir, un TAXL (topónimo a partir dun antropónimo latino en xenitivo) que ten como base Abilius, un nome que está tamén detrás doutros topónimos como Avilés, por exemplo. É máis, trátase dun unicum, é dicir, non hai outro Caxaraville en Galicia nin en ningunha outra parte do mundo.

Pero a partir de aí, cal é a evolución natural? Primeiro, parece claro que habería que conservar o -b- de Abilius, de modo que Caxarabille semella máis respectuoso coa grafía primixenia que Caxaraville. E tamén poderiamos aproveitar para desfacer a palatalización que converteu casar- en caxar-, despalatalizando novamente a raíz. Curiosamente, Casarabille, a miña proposta, xa existe, e polo menos hai catro persoas na Arxentina que se apelidan así (por certo, hai máis Cajaravilles en Buenos Aires ca en toda Galicia, o que pode dar idea da dimensión epopeica da nosa diáspora).

En calquera caso, por renxente que soe e por moito que sexa exemplo do que unha lingua expansiva fixo para apropiarse dunha cultura allea, quedo con Cajaraville, mal que lle pese a quen sexa, incluso a quen isto subscribe: agora mesmo, cando pos Cajaraville en Google, eu son a segunda entrada, entre Maderas Cajaraville e Miguel de los Santos Cajaraville (un militar arxentino alcumado El Guapo, o cal demostra que hai polo menos dúas pólas deste apelido; polo de guapo, digo), e non estou disposto a perder esa posición de preferencia.

E xa que estamos, explico tamén por que Héctor e non Héitor. Primeiro, porque a miña nai elixiu ese nome cando o escoitou referido a un efémero presidente que tivo a Arxentina, Héctor Cámpora (maio-xullo de 1973). E logo, porque Héctor é a forma orixinal, a do heroe grego da Ilíada, e a opción pola que se decantaron o castelán (Héctor), o alemán (Hektor), o francés (Hector) e o inglés (Hector tamén). A opción do italiano (Ettore), unha lingua sempre tendente á redución, non me acaba de convencer. E a variante do portugués (Heitor), de onde copia o galego, parece máis desleixo na pronuncia ca outra cousa, unha vez perdida a forza do encontro entre as oclusivas xordas. Para iso, mellor Héutor, moito máis factible como evolución de noso, á maneira de Perfeuto.

Queda aínda un segundo apelido, Araújo (de orixe prerromana, posiblemente do substrato máis remoto, preindoeuropeo tamén), máis conflitivo aínda, pois a adaptación ao galego da grafía (Araúxo), rompe coa referencia á fonte portuguesa da que parece proceder na súa forma moderna, por máis que haxa algún topónimo Araúxo en Galicia (Lobios, Maceda, Rianxo..., vid. Nomenclátor de Galicia).

Así que, aínda que non me encha de felicidade a escolla, seguirei chamándome Héctor Cajaraville [Araújo], como figura na cabeceira desta páxina, polo menos mentres non haxa quen me convenza de que hai alternativa mellor.