Menu

«Un chinés na familia»

Relato en formato de obra teatral breve.

PERSONAXES

Carme.

Leonardo (pai de Carme).

Aurora (nai de Carme).

Chiang (mozo de Carme).

ESCENARIO

O salón dun pequeno piso de cidade, cun sofá de tres prazas e outro de dúas, un moble cun gran televisor no medio, cadros nas paredes, unha lámpada de seis brazos no teito e unha alfombra a imitación das de estilo persa no chan. Carme, unha moza duns dezaoito anos, está de pé no centro do escenario, en tanto que os seus pais ocupan o sofá situado fronte ao televisor, no que pode verse un partido de fútbol (de fondo escóitase baixiño a narración do encontro).

Carme: (Dirixíndose aos pais). Marcho a dar un paseo, pero antes da unha estou de volta, que mañá teño que madrugar para ir á biblioteca.

Aurora: Así me gusta, que sexas responsable: sobra o tempo para pasalo ben e atender tamén as obrigas de un...

Leonardo: E logo que quedaches, coas amigas?

Aurora: (Un chisco incómoda). Non... Ben... Diso quería falarvos tamén... Estou saíndo cun rapaz.

Aurora: Vaia, vaia... E non dicías nada! E logo quen é? Coñecémolo? Hai moito que saídes? Vai vir buscarte? E onde ides ir? Os dous sós?

Carme: Acouga, mamá, que pareces unha metralleta preguntando! Non, non o coñecedes... Chámase Chiang e somos mozos desde hai dous meses...

Leonardo: Chiang? Pero que nomes lles poñen os pais aos fillos? Seguro que daquela que naceu había un actor que se chama así, ou un cantante de moda..., non si?

Carme: Non ten nada que ver con iso. Chiang chámase así porque os seus pais son chineses...

Leonardo: (Berrando). Chinés?!?! (Dirixíndose á muller). Pero Aurora, ti estás oíndo? Non haberá rapaces de aquí como para ter que andar enredando cun... chinés!! Co tranquilo que estaba eu vendo o partido do Celta; agora aínda que gañen xa se me estragou a tarde...

Carme: El non é chinés, papá, el xa naceu aquí. Nin sequera foi á China nunca na súa vida. Os seus pais levan na nosa vila máis de vinte anos, son os que teñen o bazar ao lado do Concello...

Leonardo: (Anoxado). O que me faltaba por oír! O fillo dos do bazar! E que digo eu cando me pregunten quen é o mozo da miña filla? Eh? Que digo eu? Que é o fillo dos chineses que teñen a tenda na praza do Concello?

Carme: (Tan anoxada coma o pai). E por que tes ti que falar con ninguén sobre o meu mozo?

Leonardo: Eu falo do que quero con quen quero, oíches? E mentres vivas nesta casa estás baixo a miña responsabilidade, por moi maior de idade que sexas! (Despois dunha pausa, diríxese á muller). Aurora, e logo ti non tes nada que dicir?

Aurora: Eu non sei... Tampouco lle vexo nada de malo, se é un bo rapaz...

Leonardo: Iso, ti deféndea, aínda por riba! Bo rapaz... E iso que terá que ver? Non sobrarán bos rapaces de aquí de toda a vida? Un chinés na familia, madía leva... E logo non che valía aquel co que andabas, o neto dos de Hermida?

Carme: Aquel? Aquel era un porco e un dexenerado! Non quero nin que me fales del, saír con el foi a equivocación máis grande da miña vida. En cambio Chiang, é tan doce e tan feitiño...

Leonardo: Chiang... Chiang... Dáme un arrepío só de escoitar o seu nome. Pero ti non ves que ese, o día que teñades fillos, arrampla con eles para alá para a China e xa non os ves máis? Pero non oes as cousas que están pasando...?

Carme: Papá, xa che dixen que Chiang naceu aquí, non vai marchar a ningures. Logo do verán empeza en primeiro de Medicina. Ten o mellor expediente do seu instituto, non lle fai falta marchar a sitio ningún... E ademais, os casos eses dos pais que marchan cos fillos son case sempre de xente dos países musulmáns...

Leonardo: (Con sorna). Ai, Medicina, que ben... Aínda por riba formalo para que logo vaia traballar ao seu país! E que pensas, que non pode ser chinés e árabe a un tempo? Unha cousa non quita a outra, non sei que é o que estudades na escola! Dille ti algo, muller, non ves que esta non ten máis que paxaros na cabeza?

Aurora: Eu tampouco vexo a cousa tan mal, Leonardo. Se é nacido aquí...

Leonardo: E dálle! Pero se se chama Chiang! A ver, ten cara de chinés ou non?

Carme: Como non vai ter, non che digo que os seus pais son chineses os dous...

Leonardo: Pois logo que máis ten onde nacese? É chinés e punto, a ver se un negro deixa de ser negro por nacer en Noruega!

Carme: Pero ser chinés é unha nacionalidade, non unha...

Leonardo: (Interrompendo a filla). Eu sei ben o que digo. (Pausa). Chinés... Se aínda fose coreano, como aquel que xogou no Celta.... Porque polo menos será do Celta, non?

Carme: Pois non o sei, a verdade. Nunca lle oín falar de fútbol, polo que eu sei nin sequera lle gusta... Comigo non fala desas cousas.

Leonardo: Non o ves? E logo dis que é coma nós! Que rapaz de por aquí non daría a vida polo Celta se fixese falta? Velaí tes unha mostra máis de que esa xente non ten nada que ver con nós...

Aurora: Non esaxeres, Leonardo, que hai moita xente á que non lle interesa o fútbol...

Leonardo: Non fales do que non sabes, muller. Non me refiro á xente, así por xunto, senón aos homes nada máis. Que home cun pouco de sangue no corpo non tolea polo fútbol? Falo dun home de verdade, non desas cousas que hai agora... Pero xa verás ti, seguro que a este lle gusta o pimpón, ou o kung-fu...

Carme: Non o sei, papá, nós non falamos diso cando estamos xuntos. Que eu saiba, a el gústanlle a poesía, as matemáticas, a astronomía...

Leonardo: Aí o tes! Estes chineses están obsesionados con que as estrelas gobernan a nosa a vida, e que o destino está escrito nos planetas... E logo esa teima do ano do mono, o ano da serpe..., eu que sei...

Carme: Dixen astro-no-mí-a, non astro-lo-xí-a... Tanto ten, sempre acabas mesturando todo! Pois creo que tiven moita sorte de coñecer a Chiang e paréceme unha persoa moi especial... Ademais, está a piques de chegar e non quero seguir falando disto...

Leonardo: (Poñéndose e pé). Está ben! Fai o que queiras! Total é o que vas facer, e canto máis eu trate de convencerte, peor! Pero logo, cando arranque cos fillos para a China, non digas que non te avisei, eh? Non ves que alí non lles deixan ter máis que un e por iso marchan todos para fóra?

Carme: Tranquilo, papá, que de momento non falamos de fillos. Teño dezaoito anos, e só levo dous meses saíndo con el...

(Óese o timbre do portal).

Carme: Aí o está! (Dubitativa). Dígolle que suba?

Aurora: Claro, muller, eu quero coñecelo! E ti que dis, Leonardo?

Leonardo: A min tanto che me ten, eu xa falei. Facede como vos pareza, non quero saber máis do asunto...

(Chaman ao timbre. Carme achégase á entrada do piso, situada no fondo do escenario, e abre a porta. Entra un mozo de trazos orientais).

Chiang: Boas noites. Deixen que me presente: o meu nome é Chiang, e para min é un verdadeiro pracer coñecelos e solicitarlles o seu permiso para ir dar un paseo coa súa filla. E se queren acompañarnos, estarei encantado de que compartan con nós esta velada.

Aurora: (Extasiada). Ai, o noso permiso, disque... E seica que vaiamos... Ti oíches, Leonardo?

Leonardo: (Túzaro). Déixate de lerias, rapaz, que a min non me camelas con palabras bonitas, coma a estas dúas. A ver, ti de que equipo es?

Chiang: Como que de que equipo son? E logo nacendo aquí pódese ser doutro equipo que non sexa o Celta? E máis este ano, que con Berizzo sacando o mellor do grupo e Aspas dándoo todo, temos a Champions a...

Leonardo: Pois claro que imos cara á Champions coma foguetes, aínda que sexa xogando a previa… Iso se non gañamos a Europa League! Volven os tempos gloriosos, acórdate ben do que che digo (Fai unha pausa). Veña, non enrededes, que comeza a segunda parte... E ti, Chianciño, a ver onde me levas a rapaza, eh?, que mañá ten que erguerse cedo para ir á biblioteca!