Menu

«Un chisco de humanidade»

Relato en formato de obra teatral breve.

PERSONAXES

Soldado 1

Soldado 2

Comandante

ESCENARIO

Un campo de concentración na Alta Silesia polaca, na época de maior apoxeo da expansión nazi durante a Segunda Guerra Mundial e da aplicación da Solución Final que pretendía a exterminación da raza xudía. A escena transcorre no despacho do comandante, luxosamente decorado e no que destaca unha gran bandeira vermella coa esvástica no seu centro. O comandante está sentado tras a súa enorme mesa de traballo mentres os dous soldados permanecen de pé.

Soldado 1: (Con falar temoroso). Desculpe, comandante Geisel, non nos atreveriamos a importunalo se non fose porque cremos que a situación se está tornando insostible...

Comandante: Déixese de preámbulos, Kirchner, e explíqueme cal e o motivo polo que vostede e o seu compañeiro...

Soldado 2: (Tatexando). Stro... Stroess... ner, señor!

Comandante: ... polo que vostedes os dous solicitaron esta reunión.

Soldado 1: Verá, señor, nos últimos tempos a carga de traballo no campo aumentou notablemente, incluso nalgúns dos departamentos se duplicou ou se triplicou, e en cambio os traballadores seguimos a ser os mesmos...

Soldado 2: Co seu permiso, comandante Geisel, cremos que urxe a ampliación do cadro de persoal se queremos que o ritmo de traballo vaia acorde coa demanda crecente, sobre todo tendo en conta que a previsión é que esta se incremente nos próximos meses.

Comandante: (Suspicaz). E por que son vostedes quen veñen falar comigo? Están dotados dalgún poder de representación sobre os seus compañeiros?

Soldado 1: Ben, señor, fomos elixidos polo resto de traballadores dos nosos respectivos departamentos. Os compañeiros consideran que debido ao noso papel de portavoces nas reunións, somos os máis indicados para...

Comandante: E que departamentos son eses?

Soldado 2: Kirchner é un dos operarios das duchas, e eu procedo da sección de barbería.

Comandante: Pois explicádeme o que pasa en cada unha das vosas áreas, e logo pensaremos nas posibles solucións.

Soldado 1: Na parte de fornos crematorios estamos desbordados, señor. Antes nas duchas entraban como máximo mil persoas ao día, pero agora a cifra disparouse a catro ou cinco mil. Temos que baleirar as zonas de fumigación ás présas para deixar espazo á seguinte quenda, e trasladar os corpos ata os fornos, que están noutro edificio, a case un quilómetro de distancia...

Comandante: O da distancia entre os dous edificios non ten remedio, non imos meternos agora en reformas coa que está caendo, pero algo se poderá mirar sobre o número de soldados destinados a eses labores de traslados. Cantos sodes agora?

Soldado 1: Só vinte, señor, cando teriamos que ser polo menos o dobre. O traslado desde as duchas ata os camións realízase a peso morto, se se me permite a expresión, en padiolas completamente escanastradas, e coas présas para eliminar o novo continxente estamos accedendo ao recinto cando aínda quedan restos de gas no ambiente. Xa non é o primeiro que perde o coñecemento por entrar antes de tempo...

Comandante: Entendo... Haberá que mirar entón tamén algunha mellora en canto á dotación de equipos de respiración autónomos e para a indumentaria dos seus homes. Non se preocupe, que tomo nota da petición!

Soldado 1: E logo está o tema do peso...

Comandante: A que se refire con iso do peso, Kirchner?

Soldado 1: Ben, como é lóxico, os presos que xa levaban un tempo aquí pesaban máis ben pouco, e o seu traslado resultaba máis ou menos doado. Pero nas novas remesas, que xa pasan aos fornos directamente, temos de todo, nalgúns casos mesmo o que poderiamos chamar xente gorda...

Comandante: Diga mellor con sobrepeso, soldado, non é cuestión de faltarlle ao respecto a ninguén.

Soldado 1: Con sobrepeso, comandante, desculpe os meus modos... O que lle dicía, que trasladar algún deses corpos deixa a un mallado ata que recupera os folgos.

Comandante: E cal sería a súa proposta de mellora neste punto?

Soldado 1: Falando cos compañeiros pensamos nunha posible solución: a aqueles que carguen cadáveres de máis de cincuenta quilos a viaxe contaralles dobre e quedarán liberados da seguinte quenda de traslado.

Comandante: Non parece doada a solución, porque vostedes están propoñendo traballar menos, cando o problema é que cada vez hai máis traballo...

Soldado 1: Pero o maior problema non é ese, comandante, senón o dos fornos...

Comandante: (Con certo anoxo). Espero que non me diga que alí dentro vai moita calor, porque por aí si que xa non paso, soldado.

Soldado 1: Ben, non é exactamente iso, pero algo ten que ver. Non fai falta que lle diga que estes días no exterior as temperaturas son xélidas, e o contraste co recinto onde están instalados os fornos está provocando que varios dos nosos soldados leven arrefriados desde que chegou este mal tempo, que ademais parece que nos vai acompañar ata a primavera.

Comandante: Iso si que non podemos permitilo! Que a nosa valiosa man de obra se vexa afectada por problemas de saúde. Esta será a cuestión máis importante para tratar na próxima reunión da CCCCCC, garántollo!

Soldado 1: A CCCCCC?

Comandante: Iso é! A Coordinadora Central de Campos de Concentración, Cámaras e Crematorios. (Dirixíndose ao soldado 2). E vostede, cales son as súas demandas?

Soldado 2: As peticións do departamento de barbería van polo mesmo lado que as do compañeiro, comandante. Cada vez chegan máis prisioneiros, aos que hai que cortarlles o pelo, e barbeiros somos os mesmos desde que abriu o campo. Ademais, cada vez as tesoiras cortan menos e...

Comandante: Pero logo non hai quen as afíe?

Soldado 2: Non hai, señor, e esa é unha das nosas principais demandas: que se cree a figura do afiador no noso departamento, dedicado a tempo completo a mellorar as condicións da nosa ferramenta.

Comandante: Pois tamén se pode estudar, por suposto, un barbeiro sen un bo instrumento de traballo pouco pode facer, por bo que sexa. Algunha cousa máis?

Soldado 2: Nesta mesma liña, comandante, polo visto saíron non hai moito ao mercado unhas máquinas eléctricas que cortan o pelo nuns segundos, mentres que nós coas tesoiras...

Comandante: (Interrompendo o soldado). Ui, quite, quite, a iso xa lle digo eu que non! Non me vai comparar un pelo ben cortadiño a tesoira co estrago que provoca pasar unha desas máquinas sen ton nin son... As cousas hai que facelas con xeito, se non é mellor non facelas! (Pausa). Algún problema máis pola barbería?

Soldado 2: (Tatexando). Si..., com... comandante Geisel, unha demanda que temos desde os primeiros tempos e á que aínda non se lle atopou remedio. Gustaríanos dispoñer de tres zonas de corte independentes, unha para morenos, outra para louros e outra para persoas de pelo roxo. Tal como estamos agora, o pelo mestúrase e non hai maneira de ofrecer un produto de calidade...

Comandante: A verdade é que non entendo tanta demora en solucionar algo que ten tan fácil arranxo. Agora estamos a venres, e xa sabe que de cara á fin de semana é complicado contactar cos responsables, pero asegúrolle que a partir do luns empezarán a implementarse as melloras das que acabamos de falar, sempre na medida do posible nestes tempos incertos, claro está.

Soldado 1: Non sabe canto llo agradecemos, comandante. Dá gusto comprobar que os nosos superiores non foron elixidos só polos seus méritos ou afinidades, senón tamén por posuír un corazón agarimoso e comprensivo. (Emocionado). Un chisco de humanidade, se se me permite o comentario persoal.

Comandante: (Ponse de pé e rodea a mesa ata situarse entre os dous soldados). Para iso estamos, home, faltaría máis! Eu trasladarei todo isto que me dixestes ás instancias superiores, e xa vos adianto que algunhas destas peticións van ter un curso complicado. Pero non quero que pensedes que son un monstro insensible e sen entrañas que non mira polo benestar dos seus soldados. Antes de chegar onde cheguei eu tamén pasei frío nas trincheiras da Gran Guerra, e respirei gas mostaza, e carguei corpos de compañeiros e de inimigos. Póñome no voso pelello e tratarei de conseguir algunhas das melloras que me pedides, pero agardo a vosa comprensión, porque ben sabedes que o Reich ten outras prioridades antes que aliviar as condicións de traballo dos soldados da retagarda.

Soldado 1: Por suposto que o sabemos, comandante, e por iso o feito mesmo de que nos recibise xa é para nós motivo de grande alegría.

Comandante: Pois xa poden retirarse, que teñan un bo día. Todo o que se decida en canto ás condicións dos seus respectivos departamentos seralles inmediatamente comunicado a vostedes para que o fagan extensivo ao resto dos traballadores.

Soldado 1 e Soldado 2: Ás súas ordes, meu comandante!

(Os soldados abandonan o despacho do comandante, que agarda uns segundos antes de coller o teléfono e marcar un número nel).

Comandante: Banzer? Quero pedirlle un favor. Fágalle un sitio no forno 1 aos soldados Kirchner, de Duchas, e Stroessner, de Barbería. Son dous individuos altamente sediciosos que están desestabilizando o traballo dos seus respectivos departamentos. (Pausa). Ah, e a ver se repartimos os prisioneiros segundo a cor do pelo antes de pasalos polo barbeiro, que seica logo vai todo o produto mesturado. E aos que cheguen máis gordiños poñémolos a dieta uns días, entendido? Aínda se nos vai escarallar algún soldado por cargar cos máis repoludos...

(O comandante colga o teléfono).

Comandante: (Fala para si). É que se non me encargo eu das cousas neste campo de concentración do carallo...