Menu

A caixiña dos rancores (Vidas cruzadas)

Edicións Xerais de Galicia

Novembro, 2016

Premio Raíña Lupa de Literatura Infantil e Xuvenil 2015

4ª edición

Cuberta: Antonio Seijas

Este é o meu primeiro libro para o público xuvenil. Nel, por riba da trama que se vai desvelando conforme se avanza na lectura, o verdadeiramente importante é a relación que se establece entre os tres protagonistas: unha muller de case oitenta anos e unha parella de mozos de dezasete. Este diálogo interxeneracional é o auténtico leitmotiv da proposta.

A novela ía titularse inicialmente Vidas cruzadas, e así a presentei ao premio Raíña Lupa da Deputación da Coruña. Pero ao tratarse dun título xa existente, a editorial, con moi bo criterio, decidiu que era mellor buscar unha alternativa. Ocorréuseme esta de A caixiña dos rancores, que parte dunha reflexión sobre a actitude vital de Chiruca feita, a muller maior protagonista da novela, por ela mesma. Así e todo, Vidas cruzadas quedou como subtítulo, pois esa idea de historias que se van entretecendo é a que subxace (e a que ademais xustifica a cuberta de Antonio Seijas).

Este é o texto da contracapa: «A xuíza Felpeto, acabada de chegar á localidade costeira de Valdomar, revoluciona a vila coas súas orixinais sentenzas. Cando Estevo é obrigado a pasar todo o verán visitando a Chiruca, a anciá que atropelara co seu ciclomotor, imaxina unhas soporíferas xornadas aturando as historias daquela muller que cruzara polo paso de cebra no momento menos acaído. Pero todo cambia cando a casualidade fai que o mozo descubra un segredo que ten na súa cerna a Chiruca e que ela mesma descoñece. Coa axuda de Paula, a noiva de Estevo, o nobelo daquel misterio irase desenredando ao mesmo tempo que xorde entre os tres protagonistas unha relación tan profunda como inesperada, que pasa por riba da diferenza de idade e que demostra que a amizade verdadeira non entende de prexuízos nin de convencionalismos.»

Dosier