Menu

De remate

Premio Xerais de Novela 2015

Cuberta: Fran Herbello

A primeira novela que escribín gañou o premio máis importante da literatura galega (supoño que a estas alturas xa ninguén dubida que o Xerais é o certame con maior prestixio do noso panorama literario). Así que a partir de agora só podo ir a menos...

Non quixen reflectir un ámbito, o xornalístico, que descoñezo por completo; nin moito menos innovar nun ámbito, o da novela, onde xa está todo inventado. Só é unha ficción, unha creación na que o autobiográfico é moito menos do que podería supoñerse ao coincidir eu en moitos trazos vitais co protagonista da novela.

Pero mellor que definir eu mesmo a novela, collo as palabras que o xurado que seleccionou esta obra como a gañadora por unanimidade do Premio Xerais 2015 e que se leron na illa de San Simón o día 6 de xuño dese ano:

 «De remate é un libro de artigos do columnista Bieito Sanmarful que foi publicado postumamente. O libro, do que accedemos xa á terceira edición, está prologado no ano 2025 por Pablo Cardeiro, ex-director de Loaira. Durante tres anos, Bieito Sanmarful deitara as súas opinións nese xornal. E esas opinións retraban con humor e moita chispa a Galicia actual, afondando nela con ironía e orixinais xogos de palabras.

De remate é unha novela tremendamente singular no xeito de narrar. Está construída fragmentariamente a través das columnas de opinión de Bieito Sanmarful, dos textos pertencentes ao seu diario íntimo e dos correos electrónicos que el envía ou que recibe dos seus lectores e lectoras, moitas veces envoltos en polémica. A través das páxinas desta novela non asistimos só ao retrato sociolóxico da Galicia  que habitamos senón que tamén imos descubrindo a propia vida e o itinerario persoal do protagonista, aflixido por unha doenza coa que se ve obrigado a convivir.

Estamos ante unha novela poliédrica, escrita con materiais de diversa fasquía, que compón un caleidoscopio literario do país e dos seus habitantes valéndose dunha amalgama de estilos metaliterarios cos que o propio autor comparte protagonismos.  Coa lectura dos seus textos imos descubrindo un Bieito Sanmarful que se mostra, nos últimos anos de súa vida, como unha persoa fráxil e dependente, autoesixente, que nos aporta a súa visión nada dogmática sobre temas como o sexo, a política, o narcotráfico, o entroido, a lingua, a actualidade, a vida ou a morte.

De remate é unha novela entretida, divertida, ben escrita, que recrea con acerto e moita habilidade diferentes rexistros lingüísticos, incluídas diversas variantes dialectais que axudan a retratar os personaxes. Estamos, en definitiva, ante unha novela sólida, moderna, que convence, que engancha e que nos fai reedescubrir o gusto pola palabra.»

Dosier