Menu

O Palabrego

Xonix Récords

Xuño, 2012

O Palabrego non é un dicionario ao uso, senón unha recompilación de termos, conceptos e expresións a medio camiño entre a realidade e a invención, en cuxa definición só se respecta unha norma: a creatividade da lingua para reinventarse a si mesma.

O Palabrego é o meu primeiro libro, se se lle pode chamar así, porque non vén sendo máis ca unha recompilación de definicións inventadas, ao xeito do Elucidario que Gonzalo Navaza publicara no seu día en Edicións Xerais de Galicia, e que viña sendo escolma dunha sección do mesmo nome que saía semanalmente nas páxinas do desaparecido Diario de Galicia. A maiores, na parte final tamén se inclúen algunhas poesías da miña autoría, e que mostran tamén o recurso a esta vertente lúdica da lingua como elemento central.

Logo dun tempo tratando de publicalo, o meu amigo Lolo Arincón, de Xonix Récords, fíxose cargo da edición, aínda que o seu é a música. Realizouse unha tirada de 100 exemplares, de modo que se por casualidade caeu nas túas mans un daqueles libros, que saibas que es propietario do 1% da primeira e única edición deste libro.

Como xa non se pode conseguir por ningunha outra vía, subín aquí o PDF deste libro. Tamén está á venda en Amazon, onde ten un prezo porque así o obrigan as condicións de edición desta plataforma.