Menu

Os primeiros artigos xornalísticos de Carlos Casares (La Región, 1968-1974)

Carlos Casares asinou durante case catro décadas textos de opinión en diversos xornais. Nesta
vertente profesional, a súa consagración veu da man do diario La Voz de Galicia, onde
Casares empezou a colaborar en 1975 e no que, a partir de 1988 e ata a súa morte en 2002
mantivo a sección «Á marxe», sen dúbida a de maior éxito, difusión e acordanza da historia
da prensa galega.
Pero hai un Carlos Casares columnista anterior a esta xeira: entre 1968 e 1974 o ourensán
publicou colaboracións no diario da súa provincia, La Región, ao comezo de forma esporádica
e a partir de finais de 1972 con periodicidade semanal. Neses últimos dous anos a sección de
Casares pasa a chamarse «Con esta lupa» e constitúese a partir de retratos de persoeiros da
época, algúns deles dos ámbitos galego e nacional, pero sobre todo do internacional,
principalmente políticos.
Con anterioridade a esta serie (nos anos 1968-1972), as colaboracións de Casares en La
Región raramente tiñan cariz político (aínda que algunha se pode atopar) e abordaban
temáticas de ampla disparidade, ao xeito das que logo realizaría para La Voz de Galicia. En
Valcárcel 2002 recóllese unha vintena destes textos, os primeiros artigos asinados por Casares
nun diario de ampla difusión, por máis que xa antes apareceran textos da súa autoría nas
revistas ourensás Fin de semana (1962-63), Aula (1963) ou Miña fala (ata 1969).
A traxectoria posterior é moito máis coñecida: a partir de 1975 empeza a publicar as súas
colaboracións en La Voz de Galicia, primeiro baixo o título «A ledicia de ler» (no suplemento
«Cuaderno de Cultura» e centradas no mundo da literatura ou das artes en xeral) e despois na
célebre «Á marxe» (1988-2002, diaria a partir de 1992). O último artigo de Casares publícase
o 9 de marzo de 2002, data do seu pasamento.
A maiores, non eran infrecuentes as súas achegas a revistas e semanarios como Teima,
Man Común, A Nosa Terra, Grial (da que era director), ou xornais de difusión nacional como
ABC ou El País. En definitiva, case corenta anos de presenza pública nos medios de
comunicación, sempre compatibilizada co seu labor de novelista.