Menu

Os xogos de palabras na prensa gratuíta en galego: De Luns a Venres

Texto íntegro do traballo de final de máster realizado para o máster de Lingüística Galega da USC no curso 2009/2010, dirixido por María Álvarez de la Granja.

Logo da aparición dun resumo deste traballo nas páxinas da revista Cadernos de Fraseoloxía Galega editada polo Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, o Instituto da Lingua Galega "rescatou" o meu traballo final do máster de Lingüística Galega do curso 2009/2010 para convertelo no segundo título da súa colección Limiar.

Neste máster, a profesora María Álvarez de la Granja (Maruxa) impartiu a materia de Linguaxe Figurada. O interesante dos contidos e a afabilidade da docente fixeron que escollese esta temática para desenvolver o meu TFM. Foi a propia Maruxa quen me propuxo facelo sobre xogos de palabras, un aspecto moi pouco desenvolvido no galego. Pareceume boa idea facelo sobre prensa, para aproveitar o meu traballo anterior neste mundo do xornalismo, e en concreto no diario De Luns a Venres, para que os xornais gratuítos adoitan facer uso deste tipo de recursos en maior medida (ou polo menos esa era a premisa de partida).

Parece unha temática doada de desenvolver, polo carácter informal e desenfadado da cuestión, pero como calquera outro estudo teórico, este de categorizar os recursos lingüísticos que se agochan detrás dun xogo de palabras acabou sendo un labor que me desbordou, tendo en conta ademais que se trataba da primeira vez que eu realizaba un traballo académico desta complexidade. Ao final foi Maruxa quen realizou o esforzo maior, e a clasificación final, que eu penso que é unha achega de grande interese a este ámbito (en galego non hai nada feito a este nivel, e noutras linguas o que eu coñezo non chega tampouco ao nivel de complexidade deste estudo), foi máis cousa súa que miña.

Podes descargar aquí o PDF deste libro (pestana "Adquirir", opción "Descargar").