Menu

Quen dá a quenda?

Finalista do Premio Merlín de Literatura Infantil 2015

Cuberta e ilustracións: Ignacio Hernández

Texto da contracuberta:

«Agochada nunha mesta fraga, máis alá do souto de Sombreu e cruzando o río dos Sapos, está a cabana na que desde hai máis dun século ten o seu consultorio a meiga Divina. Ata aquí veñen clientes das máis diversas procedencias, todos coa esperanza de atopar solución para os seus complicadísimos problemas. Pero non pensedes que só as persoas se achegan ata o consultorio de Divina; un día calquera, na porta da cabana podemos ver un barco que se marea, unha fervenza que quere vivir onda o mar ou unha nube que non se parece a nada; e no interior, unha bolboreta coas ás despintadas, unha pantasma que xa non asusta ou unha formiga preguiceira. E a meiga Divina, que é especialista en casos perdidos, coa axuda dos seus libros de conxuros, das súas apócemas e beberaxes, dun moucho sabio e dunha cortina lingoreteira, consegue que todos eles marchen cun remedio acaído para os seus males.»

Esta obra foi seleccionada por Edicións Xerais para a súa recomendación aos alumnos de 3º e 4º de Primaria dentro do seu Plan de Lectura durante o curso 2016/2017. E non só iso: a cuberta do libro, obra do ilustrador Ignacio Hernández, é tamén a portada do plan de lectura!

E os premios Frei Martín Sarmiento déronme a enorme alegría de que por primeira vez unha obra miña está nominada a un recoñecemento á obra publicada!

Sobre a calidade do texto, que cada un exprese a súa opinión logo da lectura; pero a mestría das ilustracións de Ignacio Hernández, que realizou para esta obra o seu primeiro traballo editorial, é absolutamente indiscutible.

Dosier