Menu

Autor

Son Héctor Cajaraville e nacín en Santiago de Compostela en 1974. Estudei xornalismo, pero desde que acabei a carreira en 1996 apenas me dediquei a esta actividade, e como experiencia de máis dun ano só podería citar o meu labor como responsable da publicación Cooperación Galega, revista da Asociación Galega de Cooperativas Agrarias (AGACA) entre os anos 2001 e 2005.

Antes e despois diso, só empregos esporádicos, e moitos deles nin sequera relacionados co periodismo, como un traballo de maquetador na imprenta Yrago de Romera (1998-1999), xa desaparecida, e outro similar no servizo de edicións dixitais da USC (2008-2009), daquela Unidixtal e agora Campus na Nube. Tamén fun monitor de tempo libre nos veráns, como voluntario e como traballador remunerado, entre os anos 2000 e 2010.

A maiores, colaborei escribindo reportaxes en La Voz de Galicia (1997), case sempre sobre o mundo universitario, e máis tarde estiven no nacemento do xornal gratuíto De Luns a Venres (2006-2007), un proxecto do grupo El Progreso que acabou, como todas as cabeceiras deste tipo, morrendo por mor da crise.

Durante tres meses (2006) fun responsable de prensa da Concellaría de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Mercados do Concello de Santiago de Compostela, daquela titularidade do BNG, e logo durante once meses (febreiro 2012-xaneiro 2013) desenvolvín as tarefas de responsable do gabinete de prensa da USC no campus de Lugo.

Desde 2011 a miña ocupación principal é a de corrector editorial, sobre todo en Edicións Xerais de Galicia, para a que nestes anos corrixín máis dun cento de proxectos literarios, desde novelas a ensaios ou poesía, pasando por dicionarios e libros de texto. Tamén realicei para esta editorial labores puntuais de maquetación, tradución e edición en proxectos que non sempre viron a luz.

Especial mención merece a miña participación no Dicionario Xerais de Secundaria e Bacharelato (2014), máis de tres anos de traballo entre redacción (fun o autor das letras R e S, parte do C e parte do T), corrección e maquetación. Ao meu entender, trátase da mellor obra lexicográfica publicada en galego nos últimos anos, con exemplos en cada acepción e unha serie de insertos que o converten nunha completísima gramática, pero o seu prezo e a redución das vendas dos dicionarios en soporte papel fixeron que inxustamente pasase sen pena nin gloria.

A finais de 2014, coincidindo cunha época de escasa actividade profesional, deume pola literatura, e en menos de seis meses escribín catro novelas que por sorte acabaron sendo recoñecidas dun ou doutro xeito en diferentes certames, o que garante que se publiquen todas elas: dúas xa saíron (De remate e Quen dá a quenda?, esta última para o público infantil), outra sairá en novembro deste 2016 (A caixiña dos rancores, para o público xuvenil) e a última en marzo de 2017 (Once portas), todas en Edicións Xerais de Galicia.

Froito da miña participación nos másters de Lingüística Galega (curso 2009/2010) e Edición (curso 2010/2011) da USC, tamén publiquei algúns traballos académicos que aparecen recollidos no correspondente apartado desta páxina.

O meu sobriño Óscar Sebio, informático, regaloume este dominio e ensinoume a manexar a ferramenta para cargar contidos nel, así que tratarei de ir metendo aquí todo o relativo á miña faceta de escritor. Óscar tamén é o autor da miña entrada na Wikipedia e da fotografía que acompaña este texto.